Noticias

A Xunta defende a Lei do Litoral de Galicia como norma innovadora e referente a seguir para a xestión integrada da costa

A Xunta defenda a Lei do litoral de Galicia como norma innovadora e referente a seguir para a xestión integrada da costa, tal e como salientou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez durante a súa intervención na clausura do XI Congreso internacional de ordenación do territorio que se celebrou esta semana en Xixón. Logo de subliñar que Galicia é a primeira comunidade que impulsa unha lei para regular o seu litoral en toda a súa extensión, tanto zona terrestre como área mariña, a vicepresidenta segunda incidiu no “compromiso inquebrantable” que ten a Comunidade coa sostibilidade ao entender a costa desde unha tripla perspectiva social, ambiental e económica.

De feito, esta nova normativa está adaptada “á nosa realidade xeográfica, ao noso modelo produtivo e á nosa forma de vida”, engadiu. A maiores, a lei galega aposta por un territorio ordenado, compatible co tecido produtivo, fiel ao modo de vida dos galegos e respectuoso co medio ambiente. Esa posta aposta pola integración, contraponse, segundo expuxo Ángeles Vázquez, ao modelo de exclusión polo que avoga o Goberno central ao pretender eliminar da costa calquera vestixio humano.

Nesa liña, a vicepresidenta segunda lamentou, de novo, a presentación dun recurso de inconstitucionalidade por parte do Goberno central sen abrir ningún procedemento de diálogo previo, como, por exemplo, a través dunha comisión bilateral.

A interposición dese recurso e a conseguinte suspensión de parte do seu articulado supón que tanto os concellos como as empresas da cadea mar-industria queden sumidos nunha inseguridade xurídica que imposibilita levar a cabo servizos básicos e esenciais para a cidadanía e provoca a perda de oportunidades de crecemento.

Ademais, a vicepresidenta segunda reiterou a aposta do Goberno galego pola planificación integral de todo o territorio para que a Comunidade sexa cada vez máis un refuxio climático, sostible, máis ordenado e máis verde.

Urbanismo responsable

Por outra banda, reiterou que a Xunta segue a traballar cos concellos para acadar o obxectivo de dotar a todas as entidades locais dun instrumento urbanístico á altura das súas necesidades e acorde co marco normativo vixente. De feito, 115 municipios galegos contan xa cun planeamento adaptado.

Ademais, Ángeles Vázquez puxo en valor que ese compromiso por contar cun territorio ordenado e un urbanismo responsable inclúe aos concellos de menos de 5.000 habitantes que, a través dos plans básicos municipais, poden dispor dunha ordenación urbanística básica. Na actualidade 4 concellos xa teñen aprobados os seus PBM e outros 20 están en diferentes fases de tramitación.

E nesa liña de colaboración e co obxectivo de simplificar a tramitación administrativa, o Goberno galego puxo en marcha a Xunta Consultiva en materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Trátase dun instrumento de asesoramento e de colaboración con entidades locais e axentes sociais e económicos, que conta con máis de 30 puntos de vista interdisciplinares que garanten o rigor e obxectividade dos ditames; centraliza e divulga todas as consultas que trasladan á Xunta todas as entidades e organismos, e axiliza os diferentes expedientes administrativos necesarios para obter un permiso, autorización ou licencia

Para concluír, Ángeles Vázquez avanzou que a edición de 2025 deste foro, no que se avalían os avances, as prácticas e as experiencias que xorden no proceso de recuperación, transformación e resiliencia impulsado desde as diferentes administracións, se celebrará en Galicia.

R., 2023-10-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (turismo-catedral-sant.jpg) Tivo lugar a entrega de distintivos Q e S de Calidade Turística 2024 da Axencia de Turismo de Galicia. Este ano entregáronse 53 novas distincións Q de Calidade e 39 S de Sostibilidade. Actualmente, Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis distintivos Q e a cuarta de distintivos S. O sector turístico galego atravesa un dos seus mellores momentos, con cifras récord no 2023 e cada vez máis diversificado e desestacionalizado, e con máis de 1,3 millóns de viaxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos galegos nos primeiros catro meses do ano e á crecente tendencia á internacionalización do destino, cun crecemento do 5% do número de turistas estranxeiros que se aloxaron en Galicia no que vai de ano.
Foto de la tercera plana (universidade-estudante.jpg) Un total de 106 universitarios que remataron os seus estudos no ano 2023 veñen de ser galardoados cos Premios fin de carreira pola súa excelencia académica. Así o recoñece a Xunta de Galicia, que publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución con estas distincións. O 62% do alumnado recoñecido son mulleres e, do total de galardoados, 52 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela, 35 á de Vigo e 19 á da Coruña. Os mellores expedientes distribúense entre 64 titulacións nos diferentes campus.

Notas

O profesor do Departamento de Ciencias da Navegación e Enxeñaría Mariña da Universidade da Coruña, José Antonio Orosa García, e Ander Ruiz Zardoya, doutorado pola UDC, acaban de ser galardoados pola revista especializada do ámbito mariño Journal of Marine Science and Engineering (JMSE) (Q1), polo seu artigo 'Methodological Design Optimization of a Marine LNG Internal Combustion Gas Engine to Burn Alternative Fuels'.
Tivo lugar o xoves 30 de maio no salón de plenos de Concello de Paradela a reunión do xurado do XXIX CERTAME LITERARIO MANUEL ORESTE RODRÍGUEZ LÓPEZ, que organiza o propio Concello. Os primeiros premios foron para LUIS LEXANDEL P. G. (CUBA) na categoría de poesía; CRISTÓBAL S. P. (PONTEVEDRA) en narrativa, e JESÚS C. N. (SANTIAGO DE COMPOSTELA) na categoría Camiño de Santiago.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES