Noticias

Todo listo para a execución do Centro de Ciberseguridade de Galicia en San Cibrao das Viñas, que suporá un investimento de máis de 6 M€

O Diario Oficial de Galicia fai públicou a encomenda á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, da construción do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas, cun investimento de máis de 6 M€. Esta actuación está agora mesmo en proceso de adxudicación. O obxectivo da Xunta é empezar as obras a principios do vindeiro ano para rematalas no 2025, xa que o contrato ten un prazo de execución de 20 meses. Para isto, a Xunta destina nos Orzamentos de 2024 un investimento de máis de 4 M€ e case 2,3 M€ no seguinte exercicio.

A través desta encomenda, o departamento de Infraestruturas da Xunta asume a elaboración do proxecto, a licitación e adxudicación das obras, así como a súa dirección e execución.

O impulso por parte do Goberno galego do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia ten como metas contribuír ao fortalecemento da ciberseguridade na contorna da administración pública, da cidadanía e das empresas; apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación; así como o desenvolvemento de talento especializado en ciberseguridade.

O edificio que albergará o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia construirase na parcela 3E da Tecnópole, que conta cunha superficie útil de máis de 2.100 m2.

O complexo acollerá os espazos de monitorización e xestión de ciberseguridade, áreas de traballo e concienciación, zonas de uso externo e locais de emprendemento e de alugamento para empresas privadas.

As instalacións estrutúranse en catro elementos que expresan o seu carácter funcional no conxunto e que se articulan ao redor dun espazo central de acceso e circulacións en forma de disco horizontal con control visual directo aos espazos dos catro bloques.

A sala de operadores, que se aloxará nunha das pezas máis significativas da actuación na posición noroeste da parcela, albergará na súa planta superior os espazos servidores desta, como son o despacho, o laboratorio, a sala de crise e a sala de reunións.

No lado oposto, cara ao sureste, sitúase a peza de laboratorios e Centro Demostrador, que se organizan de modo que mediante paneis móbiles poden configurarse nun espazo conxunto para demostracións de maior envergadura. Estes espazos terán dobre altura, situándose nunha zona parcialmente superior unha sala de máquinas de climatización.

Na diagonal do eixo contrario, situación noroeste-suroeste, proxéctanse dúas pezas arquitectónicas análogas con dúas plantas, para usos administrativos, para aseos, espazos para uso interno do centro, para emprendedores ou para o alugueiro de empresas privadas. Estas dúas pezas análogas fórmanse mediante a disposición de dúas pezas arquitectónicas que se traban mediante unha fenda central de circulacións verticais e horizontais.

Innovación en ciberseguridade

O Goberno galego impulsa o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia como punto de encontro entre a innovación en ciberseguridade e as necesidades da sociedade. Coa posta en marcha do edificio, a Comunidade dá un paso importante no camiño dunha Galicia intelixente que aposta polo crecemento da economía baseado nas tecnoloxías.

O centro traballará en colaboración coas deputacións provinciais, coas entidades locais, a través da Fegamp, coas universidades galegas e centros tecnolóxicos e de innovación e co tecido empresarial do sector.

Este proxecto materializarase a través da colaboración entre a Consellería de Facenda, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, responsable deste proxecto, e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que acometerá as obras.

Esta intervención será financiada con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, do programa Next Generation UE.

R., 2023-10-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (turismo-catedral-sant.jpg) Tivo lugar a entrega de distintivos Q e S de Calidade Turística 2024 da Axencia de Turismo de Galicia. Este ano entregáronse 53 novas distincións Q de Calidade e 39 S de Sostibilidade. Actualmente, Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis distintivos Q e a cuarta de distintivos S. O sector turístico galego atravesa un dos seus mellores momentos, con cifras récord no 2023 e cada vez máis diversificado e desestacionalizado, e con máis de 1,3 millóns de viaxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos galegos nos primeiros catro meses do ano e á crecente tendencia á internacionalización do destino, cun crecemento do 5% do número de turistas estranxeiros que se aloxaron en Galicia no que vai de ano.
Foto de la tercera plana (universidade-estudante.jpg) Un total de 106 universitarios que remataron os seus estudos no ano 2023 veñen de ser galardoados cos Premios fin de carreira pola súa excelencia académica. Así o recoñece a Xunta de Galicia, que publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución con estas distincións. O 62% do alumnado recoñecido son mulleres e, do total de galardoados, 52 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela, 35 á de Vigo e 19 á da Coruña. Os mellores expedientes distribúense entre 64 titulacións nos diferentes campus.

Notas

O profesor do Departamento de Ciencias da Navegación e Enxeñaría Mariña da Universidade da Coruña, José Antonio Orosa García, e Ander Ruiz Zardoya, doutorado pola UDC, acaban de ser galardoados pola revista especializada do ámbito mariño Journal of Marine Science and Engineering (JMSE) (Q1), polo seu artigo 'Methodological Design Optimization of a Marine LNG Internal Combustion Gas Engine to Burn Alternative Fuels'.
Tivo lugar o xoves 30 de maio no salón de plenos de Concello de Paradela a reunión do xurado do XXIX CERTAME LITERARIO MANUEL ORESTE RODRÍGUEZ LÓPEZ, que organiza o propio Concello. Os primeiros premios foron para LUIS LEXANDEL P. G. (CUBA) na categoría de poesía; CRISTÓBAL S. P. (PONTEVEDRA) en narrativa, e JESÚS C. N. (SANTIAGO DE COMPOSTELA) na categoría Camiño de Santiago.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES