Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Trascendendo o contorno

viernes, 29 de abril de 2016
Como os nosos políticos teñen os padróns (patterns) cerebrais cunha configuración de adversidade constante e non son capaces de cambialos, aporréannos sempre coas mesmas ideas e quédanse tan pachorrentos como se nos ofreceran algunha idea na que valera a pena pararse a reflexionala: menos mal que estamos asistindo a unha hermenéutica quixotesca e xa vimos de volta das pallasadas de Sánchez, perdón, Sancho, e os consellos dos dous Quixotes, o da primeira parte e o da segunda. Oídos reiteradamente, uns e outros, os cidadáns acabamos cansados de tanto relato político, e, se cadra, recordamos aquilo de D. Quixote: “maldito sexas de Deus, Sancho. Sesenta mil diaños te leven a ti e ós teus refráns”.

O galiñeiro, amigos lectores, está tan alborotado que non se entende nada. Os que se encargaron de axotalo ofrecen solucións contra o que eles mesmos incoaron; os que afirmaron ter nas súas mans o ungüento salvador durmiron o tempo da súa aplicación, aos propios e os alleos, e os emerxentes roxen nas fendeduras sociais que non soubo atender a arrogancia duns e a desconcertante opacidade dos outros. Penso, modestamente, que cando o ambiente é tan caótico, sen esperanzas dunha intelixencia capaz de harmonizar tanto ruído, tal vez sexa aconsellable a catarses de ir máis aló, de TRANSCENDER O CONTORNO; pero transcender dentro dun mesmo, para que non se apague a lapa da esperanza, é dicir, aplicar aquilo de San Agostiño, REDE TE IPSUM (volve a ti mesmo), porque tamén hai transcendencia dentro da inmanencia. Pensei que nada mellor, nesta ocasión, que as ideas e palabras dun intelixente economista e avezado político, Dr. D. Ramón Tamames.
O Profesor Tamames presentou o catro deste mes de abril, na Real Academia de Ciencias Morais e Políticas, un interesante Relatorio (preludio dun futuro libro), titulado ¿DE DÓNDE VENIMOS, QUÉ SOMOS, ADÓNDE VAMOS?, do que recollemos algunhas ideas que se me antollan froito sazonado dun culto e intelixente político, que, sen dúbida ningunha, deberan de aproveitar e remoer sosegadamente os nosos políticos que están na palestra nesta actualidade, para que, se algún día acadan a madurez de Tamames, non teñan que arrepentirse de ter valorado excesivamente os cargos polos que tan furiosa e pouco educadamente discuten hoxe en día.

DE ONDE VIMOS?, pregúntase o Profesor Tamames. Pois vimos todos os organismos viventes de “Luca”, acrónimo de Last Universal Common Ancestor, que viviu nas rochas, onde foron encontrados os seus fósiles, entre 3.800 e 3.500 anos atrás. Todos somos elos dunha mesma liñaxe, do ADN, que coas bases químicas esenciais A, T, C e G, son o alfabeto e idioma de Deus. Así o di o relator. E segue afirmando que estamos aquí para apostar se seremos capaces de desentrañar todos os misterios do universo. Pero se neste meu currucho – digo eu – aínda non somos capaces de desentrañar o que votamos nas últimas eleccións xerais, que segundo parece foi un pacto moi churrusqueiro, aseguran os eruditos políticos, confundindo a súas aberrantes hermenéuticas coa nosa vontade !!!.

O Dr. Tamames pensa que ese pode ser un dos grandes cometidos da especie humana, es isto fai da creación científica a función tal vez máis relevante da nosa sociedade, e da un sentido á vida da especie. Pois eu, modesto escribidor, non lle penso así, porque a “nosa sociedade”, a do noso recuncho, pelexa polas cadeiras da Moncloa, e non se preocupa por dar sentido a vida da especie, mais ben se deleita na disonancia dun sen–sentido con máis verniz emocional que bendición intelectual. Pero, entón...,

QUÉ SOMOS?, porque isto inquieta ao ilustre economista. Non somos xeneticamente tan diferentes do primate máis próximo: só o 3% dos xenes humanos son diferentes. Pero, iso si, somos os impulsores da ciencia. Di que, debido a Lei da Gravidade, como afirma Hawking, vimos da nada y volvemos a nada; pero a el non parece que o satisfaga esta tese, e pregúntase como xurdiu esa forza de tal transcendencia. Non está de acordo tampouco que a vida sexa froito dunha equivocación, como afirma Ken Nealson, biólogo da Nasa. Tanto esforzo cósmico para nada non parece axustado á razón, por iso pensa que é plausible que a vida humana teña un sentido individual (amor, coñecemento, sufrimento, pracer...) e COLECTIVO: avance da ciencia, , INCLUSO ALGÚN TIPO DE EXISTENCIA ULTERIOR Á MORTE, como formulan as relixións (páx. 11 do Relato). E quédalle a D. Ramón esta pregunta:

A ONDE VAMOS?. Nela demórase un pouco máis. Prestémoslle atención. Os escépticos non descartan a posibilidade dunha evolución cara a un punto OMEGA (Teilhard dixit), porque ven na mesma características TELEOLÓXICAS ou TELEONÓMICAS, e isto implica recoñecer un certo sentido no mesmo universo, con metas físicas e ESPIRITUAIS, que só albiscamos aló lonxe. Di o Profesor Tamames, tamén, que moitos científicos despachan todo co “azar e a necesidade”, que así reza o título dunha obra de Monod, pero nesta liña están Dawkins e Hawking; e iso de que “non hai un máis aló do que sabemos e vemos” resulta para el inconsistente, porque aprecia na vida pouco de trivial e moito de extraordinario e inexplicable: Os que negan calquera posibilidade de transcendencia caen no propio fatalismo reducionista e “acientífico” e non son capaces de conceder ningún beneficio a dúbida.

Esperta especial interese o que escribe sobre o feito relixioso, do que resalta a súa supervivencia e o feito de que os mesmos filósofos agnósticos se acerquen a el, acudindo a unha fraternidade á que non renunciaron nunca as relixións. Cree que o relixioso debería considerarse como unha FICCIÓN CIENTÍFICA, porque pode estar anticipando cuestións que un día cheguen a ser verificadas pola mesma ciencia.
En canto a fe afirma que debería considerarse como un don que reciben algúns; pero non todos, nin sempre. A este respecto recolle do teólogo Barth a contestación a pregunta de se el se consideraba crente: “Si, pero non a tempo completo”, que máis ou menos, coincide co que di o teólogo Rahner: Non é correcto dicir SON CRISTIÁN, senón ASPIRO A SER CRISTIÁN , porque ser cristián non é un estado, senón unha meta, un ideal”.

Considera Tamames que contesta as catro preguntas que formulou Kant:
1.- ¿Que podo saber?. O que explica en “de onde vimos?”.
2.- ¿Que debo facer?. Irse facendo a si mesmo.
3.- ¿Que me cabe esperar?. Cre contestar en “a onde vamos?”.
4.- ¿Que é o home?. Véxase en “que somos?”.

Como ven, D. Ramón non lle puxo xesto de noxo nin a filosofía nin a teoloxía, o seu xeito. Penso que será interesante o libro que promete publicar en breve.

Pero a miña intención non é traerlles aquí uns parágrafos de pegón e descontextualizados. Comezamos esta colaboración cunha referencia aos nosos políticos, e insinuamos, cando menos, unha infantil xerarquía de valores, que comporta estrañas derivas de conduta, precisamente en persoas dunha boa preparación teórica; pero debería constatarse que esta queda coxa sen a madureza da vida. D. Ramón Tamames é un bo exemplo de formación teórica e manéxase sen caxato no ámbito práctico da vida, por iso sabe colocar o penúltimo da mesma en función do último, ao seu xeito e con certa racionalidade: É un magnífico espello para os que aínda non saben situarse ante el e perciben oufanos imaxes deformados de si mesmos. El tamén foi político de impulsos xuvenís.

Non esquecemos que D. Quixote xustificou a condición de gobernador de Sancho na illa Barataria, con estes termos:

“Por Deus, Sancho, que por solas estas últimas razóns que dixeches xulgo que mereces ser gobernador de mil illas: BO NATURAL TES, SEN O QUE NON HAI CIENCIA QUE VALLA; encoméndate a Deus e procura non errar na primeira intención: quero dicir que sempre teñas intento e firme propósito de acertar en cantos negocios che ocorran, porque sempre favorece o ceo os bos desexos...”. A contrario sensu, o “erro na primeira intención”, a falta de “bo natural” e os hipócritas e “malos desexos”, antes ou despois, acaban en charangas dialécticas.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES