Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ser auténtico na pel dos outros. O aí estar de Bieito Santos.

lunes, 06 de mayo de 2024
Teño, da man do seu protagonista principal, como pan quente saído do forno, un escrito enxundioso que leva como título "Conversas do padre Bieito Santos, cura obreiro". Está editado en Vigo pola Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos (SEPT) a finais de abril deste ano 2024. A presentación do escrito ante un abondoso foro de persoas tivo lugar no recinto principal da viguesa igrexa xesuítica dos Apóstolos, na que Bieito Santos exerce actualmente o seu ministerio sacerdotal. Na publicación o xesuíta e cura obreiro é interrogado de xeito moi atinado por Silvestre Gómez Xurxo e X. Francisco Domínguez Martínez.
Vaia por diante que se trata dun escrito que bota luz (e moita) sobre o concreto compromiso dunha persoa cos seus semellantes ó se facer un con eles. Velaí o segredo, a audacia e a lección dunha tal acción realizada con naturalidade, sen protagonismos que destruirían ou entorpecerían tal compromiso. No caso que nos ocupa, porén, estes semellantes non o son tanto (por máis que deberían selo), pois trátase dunha profesión, a de ser obreiro, que polo menos nos tempos do mozo Bieito non o eran tanto ó eles daquela viviren aínda ademais, alomenos unha boa parte da súa vida, baixo un réxime político autócrata, non democrático. Neste sentido, ó Bieito falar do traballo de cura obreiro (o seu e mais o doutros compañeiros), dinos o seguinte:
"Dende logo, un tiña que procurar ser exemplar no traballo, coma un espello no que outros se puidesen mirar. Non por vaidade, senón por prestixio persoal e por exemplaridade de vida. Ser un traballador que fixese ben o seu traballo e que facilitase o traballo dos demais, é dicir, ser un bo compañeiro. Ser serio e responsable. A nosa misión era transmitir esa mensaxe da dignidade de toda persoa traballadora e de todo traballo, niso consistiría esencialmente o labor pastoral como curas obreiros" (59-60. Os números indicados fan referencia as páxinas do libro).
Ó el ser preguntado en relación con isto polos seus "principios sociais" non vai sen máis limitarse a facer referencia a simples principios eclesiásticos senón ós xa existentes no seo da nosa sociedade:
"Creo que na base [dos aludidos "principios sociais"] están eses grandes valores transmitidos dende a Revolución francesa e que tamén son valores evanxélicos, a liberdade, a igualdade e a irmandade [...] A dignidade e o desenvolvemento integral das persoas é a xustificación do noso labor [...] Os curas obreiros non nos limitabamos a desempeñar un traballo cumprindo coa súa xornada, senón que estabamos implicados no compromiso sindical para mellorar as condicións dos traballadores. Iso é, ao fin, traballar pola xustiza social" (64).
Bieito considera que isto o tivo el moi claro dende o principio ata agora mesmo:
"a miña opción como cura obreiro foi moi reflexionada e tomada de maneira moi seria e nunca pensei que non fose acertada" (102).
Xa dende antes de el ser ordenado presbítero foilles posíbel a el mais a outros compañeiros aspirantes a seren curas obreiros un modo de presenza no mundo diverso do normal, pois isto ocorría ó tempo que precisaban tamén atender os seus estudos. Así, pois, tiñan que
"vivir de maneira autoxestionada nun piso [...] Tiñamos que traballar para autofinanciarnos, como unha experiencia de vida. Foi unha experiencia moi positiva [...] Se quedabas sen traballo tiñas que buscar outro porque era necesaria a aportación económica de todos" (47).
Inícianse así unha serie de actividades diversas ó ritmo de acontecementos imprevisíbeis. Bieito traballa, por exemplo, mais ó tempo estudiando teoloxía, como "repartidor da revista 'Noticias Médicas' por todo Madrid" (52). Co posterior traballo en relación coa impresión da revista as cousas complicáronselle. Así nolo conta el:
"Nese traballo tamén tiven a experiencia do primeiro despido, por un conflito que se produciu porque nos querían facer traballar na mañá dun xoves santo, que era día festivo. Non fomos traballar e cando chegamos o luns comunicáronnos a todos o despido. Ninguén quería enfrontarse aos xefes, así que fun eu falar con eles e explicarlles a razón pola que non foramos traballar. A cousa resolveuse sendo eu o único despedido, supoño que lles resultei reivindicativo de máis" (53).
Nos veráns dos tres últimos cursos de teoloxía en Madrid traballaba Bieito na construción como "pinche", aínda que -engade el mesmo- "como sabían que estudaba, o encargado pedíame que o acompañase e lle axudase coas medidas cando tiña que organizar o traballo para levantar tabiques etc." (53). E, para variar (digo eu), o bo Bieito indica aínda:
"Despois, estiven un tempo repartindo orchata, dende o local no que se producía ás tendas e bares que facían os pedidos. Pagábanme pola cantidade repartida. Eu tiña unha moto cunha cesta detrás na que poñer as garrafas e con iso facía o reparto" (54)...
Seguramente menos entretido sería có reparto da orchata en Madrid o traballo no verán nas minas de carbón en Sama de Langreo nos veráns dos anos 1967 ou 1968, sobre o que nos refire Bieito que nelas traballarían "un grupo duns 25 compañeiros". Bieito traballou tamén nelas como "axudante de picadores" nunhas "galerías a seiscentos cincuenta metros de profundidade" (51-52).
Porén, nos anos 1968/1969, durante os disturbios que levarían á declaración do estado de excepción, Bieito pasaría tamén por puntuais problemas relacionados coa represión policial. Velaquí como el nolo conta:
"Como consecuencia daquelas mobilizacións pasei polo Tribunal de Orde Pública, o famoso TOP [...] Nunha manifestación moi numerosa na véspera do 1 de maio, déronlle á policía orde de disolver a manifestación e a policía púxose a mallar na xente de maneira esaxerada. Eu empecei a berrar, a protestar, e tamén me detiveron. Estiven na xefatura da policía ata as dúas da madrugada. No grupo dos detidos eramos varios curas e atendeunos un policía maior, que debían ter como especialista para estes casos. Eu seguía protestando polo comportamento dos ‘grises’ e el dicíame: ‘Por favor, padre, modérese. No les llame grises’. A cousa non foi a maiores, pero no ano 1970 cando xa estaba en Vigo, tiven que ir a Madrid ao TOP por ese feito. Os policías declararon que me detiveran pero que realmente non tiñan constancia de que tivese feito nada delitivo" (51).
Tras estes preludios Bieito chega por fin a Vigo no ano 1970, destinado oficialmente polos seus superiores relixiosos como "cura obreiro". "Iso significa -comenta Bieito- desempeñar un traballo manual, sen especificar cal" (57), mais atendendo ademais ó labor pastoral. No seu caso concreto diranos el:
"Ao pouco de estar en Vigo fixen cursos de soldadura e montaxe na PPO, que era a Promoción Profesional Obreira. Así aprendín a especialidade de caldeiraría que tiña boas saídas laborais en Vigo. Era un traballo que me gustaba e que se me daba ben e de feito fun recoñecido como oficial de segunda, de xeito que xa era efectivamente un obreiro especialista" (70).
Foi así como entrou en 1972 en ASCON como montador (1974-1975) chegando a actuar nesta empresa como delegado sindical por USO (sindicato maioritario nela), sendo ademais "o segundo representante dos traballadores no Consello de Administración da empresa en Madrid por elección do Comité dos traballadores no último período de ASCON" (82). Nesta publicación non se deixa de aludir ó coñecido sindicalista Guillermo Fontán, quen sobre Bieito escribiu estas decisivas declaracións:
"Os que formamos equipo con Bieito durante moito tempo sabemos que o seu compromiso como traballador e sindicalista foi absoluto, sen quebras. É unha persoa cun alto sentido da xustiza, por iso ante as situacións de inxustiza toma postura e persevera na acción para resolvela. Sempre estivo na trincheira de defensa dos oprimidos, das persoas máis necesitadas. Esta actitude inspira unha gran confianza entre as persoas coas que traballa.
Sempre mantivo unha postura de dignidade ante a vida e loitou para que todas as persoas vivisen con dignidade. As súas conviccións como crego, como membro da sociedade e como sindicalista sempre foron plenas e claras.
E, dende esa forte convicción persoal, era integrador e amigable, destacando o seu compromiso na busca de consenso e acordos. Pero sempre respectando o sentir e as decisións da asemblea [...] Bieito nunca usou da súa condición de cura para buscar recoñecemento ou calquera tipo de beneficio. Tiña moito recoñecemento porque o gañou. Era un traballador máis en todos os aspectos, alguén que, en todo caso, destacaba polo seu compromiso" (83).
En calquera caso, Bieito foi despedido de ASCON, xunto con algúns outros compañeiros, meses antes xa de que o conflito rematara, se ben a empresa se mantería en pé só algúns anos máis (86-87). Xorde entón a idea (nel e nalgúns outros compañeiros, entre eles o mencionado Fontán) da formación dunha cooperativa, GANAIN, en relación co sector naval (93-94). Mais a dedicación de Bieito ó traballo, non vencellado directamente á súa profesión relixiosa, volvería de novo cambiar, debido a diversas circunstancias. Iniciará, xa que logo, despois a traballar no ámbito da sanidade, primeiro como celador e logo como enfermeiro, no que se mantivo ata a súa xubilación laboral.
Deixando de lado moitas outras informacións sobre o modo de ser e de estar no mundo de Bieito, que o lector seguramente poderá atopar por si mesmo na lectura deste libro singular, quero aludir finalmente aínda ó influxo que, segundo o propio Bieito, a figura e a acción do coñecido padre Seixas Subirá (a quen eu mesmo lle teño dedicado algúns escritos) exerceu sobre el a mediados dos anos cincuenta do século pasado, cando Bieito se iniciaba na formación xesuítica en Salamanca. Velaquí como nolo conta el:
"Na véspera do primeiro de maio os das Vangardas tiñan manifestación e el [Seixas] apareceu vestido cunha funda coma os traballadores, pero aquilo durou pouco porque a policía debeu cheirar algo que apareceu por alí e tiveron que liscar. Pero foi moi inspirador para min. O feito de Seixas levar unha funda de traballo era como dicirlles aos membros das Vangardas: ‘Aquí estou e son un de vós’. Non era un cura que estaba cos traballadores, era un traballador máis [...] Para min foi moi revelador, descubrín a importancia do mundo obreiro e as miñas inquedanzas que estaban orientadas a irme a misións foron virando cara a un compromiso claro co mundo obreiro. Despois coñecín o movemento dos curas obreiros e a miña decisión fíxose moi firme.
Cando fun destinado a Vigo sempre mantiven relación con Seixas e procurei colaborar con el, especialmente na liturxia en galego, e, cando el enfermou, tomei o seu relevo na medida na que puiden facelo" (33-35).
Mais quero xa concluír eu mesmo cos mesmos parágrafos (o primeiro é o comentario que lle fai o entrevistador a Bieito e o segundo é a resposta do entrevistado) cos que remata o libro aquí sucintamente presentado:
"- Para rematar quero citar unhas palabras de Quico Domínguez na referida homenaxe que recibiches da IOAC en Vigo no 2022: 'Bieito é un dos rostros de Deus na terra'.
- Acepto iso que dixo Quico, porque creo firmemente que toda persoa de boa vontade é un rostro de Deus na terra" (134)".

Manuel Cabada Castro. A Coruña, 1 de maio de 2024, Día Internacional do Traballo.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES