Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A traxedia de ser novo

viernes, 10 de mayo de 2024
Aquela barba coidadosamente desaliñada. Os vaqueiros rotos, de deseño. Aquel sorriso de matón amable. Novos e atractivos, con título e futuro. Viaxados, xeración de máster e éxito, abondo preparados. E agora... estudiando duro para chegar ó paro. Rapaces, nova clase de pobres, dependentes da familia, mentres os políticos andan no seu. No cainismo, na rifa de brutáns das pinturas negras de Goya. Nas súas romarías de inauguracións, de bandullo, de vellos. Orfos de responsabilidade política: a culpa é de Madrid, de Bruxelas.
A crise global mostra a fraxilidade dos mozos no mercado laboral e moitos perden a esperanza de atopar traballo. Sen el non hai emancipación, nin proxecto de vida. A herdanza envelenada da crise é unha xeración perdida, de novos co cerebro amoblado pero ancorados na derrota. O paro xuvenil acada o nivel máis alto: cun 40% triplica a taxa mundial e duplica a media europea. Pero se hai algún futuro pasa por recuperar os novos. Son o motor do desenvolvemento económico: deixalos tirados é un luxo suicida.
Os Estados invisten en educación cantidades xigantescas que logo son incapaces de recuperar. O caso de Galicia é delirante: producimos titulados superiores para a emigración. Coas portas universitarias abertas a todas as clases sociais as élites tentan acotar os seus privilexios multiplicando os requisitos para acceder ós mellores postos. Non ter título aboca a un futuro con máis atrancos. Os que non teñen especialización son as primeiras vítimas nas crises. Así e todo a educación segue a ser determinante. Pode que un título non dea riqueza pero garante o acceso a cultura e a unha vida máis decente. E abre portas no traballo. Tamén é certo que rapaces sobrecualificados perden o tempo en empregos que non precisan cualificación, con contratos lixo.
Volve a estar presente no mercado laboral a falta de mobilidade social. E volve a ser determinante a familia, os cartos, os contactos sociais dos pais. As sociedades máis abertas e dinámicas son aquelas nas que a orixe dos pais non determina o futuro dos fillos. O cuñadismo non pode pesar máis que o mérito.
Hoxe é moi duro ser novo. Incorpóranse tarde ó mercado laboral e traballan a calquera prezo. Poucos empregos, temporais e mal pagados. Os políticos son incapaces de frear os excesos de empresas que agochan postos de traballo real con ese dereito á pernada que son os becarios. Hai contratos en prácticas que ocultan traballos semiescravos. Máis accidentes laborais e dependencia dos pais. Todo iso fai que a fenda entre homes e mulleres, inmigrantes e autóctonos, titulados ou non, fixos e temporais, adultos e novos vaia agrandándose. Esa ferida aberta entre xeracións mostra a traxedia de ser novo.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES